O Concello e a Xunta Xeral de Confrarías asinan o convenio para a Semana Santa 2016

O Concello de Ferrol e a Xunta Xeral de Confrarías veñen de asinar o convenio para a celebración da Semana Santa 2016 que compromete o aporte de 35.000 euros das arcas locais para a organización dun evento declarado Festa de Interese Turístico Internacional e que funciona como un moi necesario pulo a economía comarcal a través do turismo e a hostalaría.

O acordo foi rubricado nunha xuntanza privada entre o rexedor, Jorge Suárez, e o presidente da Xunta, César Carreño, que acudía as 12:30 horas do mediodía ao Pazo Municipal acompañado por outros dous membros da directiva.

Sela un convenio definido como 'satisfactorio' para ambas partes, nun clima de cordialidade, entendemento mutuo e boa relación persoal entre Suárez e Carreño, que sempre tiveron o ánimo de chegar “a bo porto” en interese da cidade, a marxe de polémicas estériles e ruídos interesados e intencionados que puxeron en cuestión a celebración dun evento que nunca estivo cuestionado.

O Goberno local segue a liña que marcou desde o inicio da negociación coa Xunta de Confrarías -que principiaba no mes de setembro do 2015 - e que fixaba en 35.000 euros a achega municipal a un evento relixioso polo seu interese para a cidade, ao entender que nun momento de emerxencia social para o municipio era unha cuestión de xustiza e equidade reaxustar os convenios na procura do equilibrio entre todas as entidades sociosanitarias, culturais e deportivas do municipio que fan un labor calado e necesario todo o ano.

“Vimos de rubricar o convenio, xa que desde o inicio sempre houbo un bo entendemento con independencia do que fora reflectido publicamente”, manifestou hoxe o alcalde, Jorge Suárez.

Pola súa banda, César Carreño, manifestou a súa satisfacción por “ter chegado, por fin, a bo porto”. “Asinamos este convenio, e contamos coa axuda do Concello para realizar esta Semana Santa”, sinalou.

Ademais do aporte económico, subliñou o primeiro edil, o Concello de Ferrol pon a disposición da organización os medios públicos dos que dispón (Policía Local, Protección Civil, Coordinación de Seguridade..), de xeito altruísta ao servizo dun acontecemento tan importante que enche de vida as rúas e os hoteis da cidade.

“A perspectiva desta Semana Santa é moi boa e complementada con toda a oferta de actividades do Concello para estes días -roteiros turísticos de balde, campamentos urbanos e obradoiros infantís no rural- agardamos que Ferrol se encha de vida nestes dez días”, rematou Suárez.